miércoles, 15 de abril de 2009

miércoles, 4 de marzo de 2009

miércoles, 18 de febrero de 2009

miércoles, 11 de febrero de 2009

A CONXURA DOS NECIOS


Ó alumno: ...” Na medida en que sexades capaces de responder á pregunta para que?. Na medida en que non saibades para que serve algo do que estades a facer, canto menos o saibades, máis aumentan as posibilidades de que non estea previamente condenado ó servizo, ós amos. Ó mellor non se sabe moi ben para que se aprende a escribir. Se non se sabe moi ben para que se aprende a escribir estamos nunha situación na que talvez iso poida servir para descubrimento e para que aconteza algo en vez do contrario.
Outro tanto podería dicirse de ler, bailar ou o que sexa...”

Agustín García Calvo



Unha sociedade competitiva e liderada polos medios audiovisuais como manifestación máis inmediata do pulo tecnolóxico, traslada ó sistema educativo unha función comparativa que ten por referencia unha puntuación gradual (do un ó dez) que lonxe de ser simplemente instrumental, xerarquiza – a ver quen vale máis- e actúa en detrimento do que debería ser prioritario; os contidos mesmos das materias. Haberá que adaptar istos á oferta/demanda do mercado laboral.
Esta situación leva aparellada como música de fondo o forte deterioro que progresivamente seguen padecendo as mal chamadas “Humanidades” (Latín, Historia, Filosofía, Literatura, etc).

1.- UN POUCO DE HISTORIA

Caeron xa moitas follas desde o Renacemento cultural do século XII, onde Pedro Abelardo puxera baixo sospeita a tradicional organización dos estudos no trivium (artes liberais relativas á elocuencia: Gramática, Retórica, Dialéctica) e o quadrivium ( Aritmética, Música, Xeometría e Astronomía ou Astroloxía) situando á Lóxica e á Filosofía como columna vertebral do ensino.
O primeiro consistía en aprender a razoar, a dominar o uso da linguaxe e a argumentación para logo pasar a outros tipos de saber.
Pedro Abelardo estableceu o método pedagóxico en todo o período escolástico, o uso da lectio (comentario de texto) e da quaestio (disentir argumentando a favor e en contra dunha tese).
No Renacemento os humanistas (M. Ficino, Pico de la Mirandolla) propuxeron un novo plano de estudos fundamentado nos Studia Humanitatis, onde o importante consistía en estudar Literatura (poesía, historia, retórica) co firme propósito de acadar unha mellor aproximación e coñecemento da realidade, e para iso tomouse como referencia ós clásicos : Corpus Hermeticum, Himnos Órficos, Enneadas de Plotino, etc.
A partires da recuperación da tradición pitagórica nos Elementos de Euclides, a Estática de Arquímedes, aparecerá a outro gran vertente renacentista que terá como tarefa principal a investigación empírica (Bacon), a natureza está escrita en clave matemática (Copérnico) todo o que se debe facer é descifrala.
O menosprezo que algúns “humanistas” adoptaron sobre a investigación empírica pode considerarse como un dos pulos influentes na separación entre Humanidades e Ciencia (ciencias e letras) que se prolonga ata hoxe en día.
Esta situación en Greza foi impensable, basta con botar unha ollada a inxente obra de Aristóteles para comprobar a presencia de estudos sobre Física, Bioloxía, Política, Ética, Medicina, etc, e na Academia de Platón podía lerse a seguinte inscrición: “Non entre aquí ninguén que non saiba Xeometría”.
Lembremos que todas as ciencias son creación do home, desde a Química ata a Economía pasando por calquera outra. O que as diferenza é a súa metodoloxía e non o criterio arbitrario de decidir que unhas son máis humanas que outras, os seus campos gnoseolóxicos difiren nos respectivos “cerres operatorios”.
Sería urxente por tanto, desterrar o nefasto prexuízo de planificar os estudos obrigando ós alumnos que estudan Latín a evitar a Física e viceversa. Ou que o profesor de Lingua non ten por que saber en que consiste a mecánica cuántica.

2.- E ISTO PARA QUE SERVE?

Pregúntanse a miúdo os alumnos, pais, e algúns profesores para que serven o Latín, Filosofía, Literatura, etc, tomando como criterio de utilidade o interese económico e relegando os demais a un segundo plano.
Non é improbable escoitar a un pai dicir que o seu fillo non necesita saber facer “comentarios de texto” porque vai estudar Farmacia e o que se precisa no mercado laboral son especialistas.
Unha sociedade que presume de democrática que queira saír do “infantilismo” non pode ter por referente a Coto Matamoros ou a Ronaldo.
Así como hai materias que resultan interesantes polos seus contidos, haias tamén que o son porque educan a nosa capacidade abstractiva e proporcionan un rigor intelectual baseado na análise e argumentación, como instrumentos básicos desde onde exercer a crítica.
Non hai ningún criterio epistemolóxico e moito menos moral que nos permita dicir que a Física é máis importante cá Música.
A primeira vista pode parecer que a Filosofía e as Matemáticas non teñen nada en común, pero o certo é que están estreitamente relacionadas (problemática da infinita divisibilidade do continuo, lémbrese que Leibniz foi xunto con Newton creador do cálculo infinitesimal).
Os límites de calquera especialidade só poden establecerse na relación dialéctica coas demais.

3.- COA LOCE PROFESORES OU ANIMADORES PEDAGÓXICOS?

Entre tanta reforma e contrarreforma, os profesores fomos modificando as nosas funcións tradicionais e pasamos dunha posición exemplar no sentido de modelo a imitar baseado nunha actitude vital que pasa polo contacto coa lectura, a converternos en animadores pedagóxicos en contacto permanente coas familias.
Hai algún despistado por aí, que segue crendo, que a súa tarefa consiste en transmitir coñecementos que saen do seu cerebro e se instalan no do alumno.
Hai coñecemento cando se dispón de información obxectiva e universal que se establece nun sistema de relacións que posibilitan a súa reconstrución.
De nada serve aprender de memoria todos os rios de España cos seus afluentes, senón se sabe que é o que connota o concepto, (como se orixina, como se constrúe, por onde discorre, modificacións climáticas, etc). A medida que as relacións se van integrando en sistemas máis complexos vai aumentando tamén o nivel de comprensión.
Este proceso de aprendizaxe non ten nada que ver con implicacións paternais ou adaptacións psicopedagóxicas en función da personalidade dos alumnos -especialistas en ti- senón co esforzo e estudo continuado.
O elevado índice de fracaso escolar non está directamente relacionado coa capacidade intelectual do alumno senón coa falta de interese e motivación orixinada no eido familiar e continuado na escola (é difícil substituír a pantalla do televisor ou do ordenador polos libros).
Calquera plano de estudos que en lugar de formar cidadáns fabrica analfabetos funcionais ( dificultades de lectura comprensiva) está viciado de raíz.
O encerro obrigatorio ata os dezaseis anos se realmente é necesario non é precisamente porque se aprenda a multiplicar ou se descubra quen inventou a penicilina, senón como proceso de socialización onde o alumno aprende a relacionarse cos demais, imita comportamentos, aprende a respectar normas e vai adquirindo autonomía lonxe da familia.

Ó profesor: ...” Era Mairena emporiso a súa experiencia seráfica, home no fondo de malas pulgas. As veces recibiu a visita airada dalgún pai de familia que se queixaba, non do suspenso adxudicado o seu fillo, senón da pouca seriedade do exame.
A escena violenta, aínda que tamén rápida, era inevitable:
Bástalle a vostede ver a meu neno para suspendelo? Dicía o visitante abrindo os brazos con acento irónico de abraio admirativo.
Mairena contestaba vermello de cólera e batendo o chan co seu bastón. Bástame ver o seu pai!.

Xosé Luis Arias